O 25 de maio de 1853 nacía en Vilaseca (Tarragona) Elena Maseras, a primeira muller en matricularse na Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona no ano 1872. Viña dunha saga de médicos e quixo seguir os pasos da familia pero non atopou máis que atrancos. Unha vez matriculada, accedeu ás aulas, mais cando en 1878 rematou os estudos atopouse con que ao solicitar o permiso para facer o exame de Licenciatura non llo concedían porque non había un precedente, non había nada lexislado referente aos dereitos das mulleres. Tivo que agardar ata 1882 para examinarse e conseguir as máis altas cualificacións. Pero Elena non era muller de estar sen facer nada e mentras agardaba polo permiso que non chegaba empezou a interesarse pola pedagoxía e a ela adicaría o resto da súa vida.
Elena Maseras é unha pioneira, grazas a ela e a outras adiantadas ao seu tempo temos agora os dereitos que temos as mulleres ,porque se atreveron esixir o seu nun mundo de homes, elas "provocaron" a igualdade legal, agora tócanos a nós loitar para non dar marcha atrás.