+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

01/09/2012

Anuncio mítico: San Miguel 1980.

A ver , fíxate ben, observa o papel de home e de muller no anuncio , pensa e saca as túas propias conclusións...É machista? Fomenta a igualdade de sexos? É discriminatorio? 

1875: Nace Burroughs.


Tal  día coma hoxe de 1875 nacía en Chicago Edgard Rice Burroughs, novelista estadounidense. A súa obra está chea de aventuras e de orixinalidade para a época. Entre as máis famosas destaca Tarzán dos monos que ademais de ser traducida a máis de vinte idiomas foi levada ao cine con moitísimo éxito e aínda hoxe temos o personaxe en debuxos animados na TV. 
Outra obra coa que tivo moito éxito foi  Os deuses de Marte, unha novela de ciencia-ficción.
Mira este vídeo  , é un cachiño das películas de Tarzán da época de teus avós, ensínalles isto a ver se o recordan...

1878: A primeira muller operadora telefónica.

Tal  día coma hoxe de 1878 empezaba a traballar na Boston Dispatch Emma Nutt, a primeira muller operadora telefónica. A empresa empezara contratando nenos para o traballo  pero, claro, oa cativos tomábano a broma e aquilo era un desastre ,así que Graham Bell decidiu contratar mulleres. Emma foi a primeira muller empregada e traballou na empresa 37 anos, ganaba 10 $ ao mes por 54 horas de traballo á semana. A iso chamáselle estabilidade laboral!!
Sabes? Para ser operadora había que ser solteira, ben falada, ter os brazos longos e non ser negra nen xudea...Que cousas!! Decátaste de que a discriminación estivo sempre aí?? Pois ollo, eh, que non están os tempos para andar discriminando a ninguén . Non??

31/08/2012

Anuncio mítico: Peugeot 106

Unha microhistoria para deixar claro que o listo é o que leva o coche pequeno (Peugeot) e ao final se queda coa rapaza...

1867: Morre Charles Beaudelaire.

Tal día coma hoxe de 1867 morría en París Charles Beaudelaire. Foi o gran defensor da poesía pura, perfecta en canto ao estilo e ao emprego das metáforas. No seu interior de home extremadamente sensible batéronse sempre o ben e o mal , a beleza e a ética. O seu libro máis famoso é As flores do mal, libro maldito, na súa época foi considerado obsceno e blasfemo. Nel fai apoloxía do satánico e trata ao home como un ser miserable e perverso. Outros títulos seus son: A Fanfarlo, Os paraísos artificiais, Os pequenos poemas en prosa e libros de artigos como Salón de 1845, Salón de 1846.
Aquí quédache un enlace para que fisgues: http://amediavoz.com/baudelaire.htm
E aquí un vídeo sobre Beaudelaire:

1986: Morre o escultor Henry Moore.

Tal día coma hoxe de 1986 morría o escultor e pintor inglés Henry Moore. No seu traballo foi evolucionando desde unha primeira etapa figurativa ata a abstracción e o surrealismo. As súas obras son monumentais  e nelas predomina a línea curva. A súa temática principal é a muller, a familia...
Fíxate nesta páxina e verás como era a súa obra:





30/08/2012

1800: Primeira rebelión de escravos en EE.UU.



Tal día coma hoxe de 1900 producíase a primeira rebelión de escravos dos EE.UU. Gabriel Prosser, un escravo, preparou a rebelión durante semanas, o día  30 xuntou tódolos escravos que puido e intentou levalos á cidade de Richmond , pero a choiva impediullo. Ademais , os donos dos escravos enteráronse e alertaron ao gobernador de Virxilia, James Monroe, que deu orde de sofocar a rebelión e prender a Prosser. El, dous irmáns seus e outros  24 escravos foron aforcados.
E a día de hoxe o mundo segue cheo de escravos de todas as cores e non facemos nada por mellorar a situación.

2006: Morre Glenn Ford



Tal día coma hoxe do 2006 morría  Gwyllyn Samuel Newton Ford, máis coñecido como Glenn Ford. Un actor de orixe canadense nacionalizado americano. Foi un galán no cine de Hollywood, fixo máis de 100 películas. Os cinéfilos din del que era o vaqueiro de ollada triste, pero o que máis sona lle deu foi a película Gilda na que compartía cartel con Rita  Hayworth. Outros títulos seus son: Semente de maldade, Os catro xinetes da Apocalipse ou Cimarrón.
Esta é a escena máis célebre da película, por suposto, rexeitamos a labazada, pero a película é así. 

29/08/2012

Anuncio mítico: Crema Caballero.

Marcha non lle falta. Ensíñallo a teus pais e que che conten a cantos coñecen...

1780: Nace o pintor Jean Ingres

Tal día coma hoxe de 1780 nacía o pintor francés  Jean Auguste Dominique Ingres. A súa obra está chea de temática histórica e  retratos nos que se aprecian o gusto polo debuxo conciso e a expresividade dos retratados.
Déixoche unha páxina cos seus cadros:
 E un vídeo por se preferes :

1915 : Nace Ingrid Bergman.

Tal día coma hoxe de 1915 nacía Ingrid Bergman, dáse a casualidade que morrería no mesmo día de 1982.  Foi unha coñecida actriz sueca de cine e teatro. Chegou a ser unha das actrices máis cotizadas de Hollywood. Ganou dous Óscar e a súa filmografía inclúe algúns dos mellores títulos de tódolos tempos:  Casablanca, Luz que esmorece, Recorda, Stromboli, Anastasia, Non me digas adeus, etc.
Esta é a súa páxina oficial: http://www.ingridbergman.com/about/photos/index.htm

E aquí o trailer de Casablanca, unha película que deberías ver :

28/08/2012

Anuncio mítico: Fortuna.


Agora non se pode anunciar tabaco na tele, pero antes si...

1979: Morre o escritor ruso Simonov.

Tal día coma hoxe de 1979 morría en  Lausana o escritor ruso Kirill Mijáilovich Símonov, alias Konstantin Simonov. Foi corresponsal de guerra durante a Segunda Guerra Mundial e iso marcouno profundamente. Unha das súas obras máis intensas é o poemario Contigo e sen ti. Outros títulos seus son Rusos, Un rapaz da nosa cidade, O bon nome , O número catro  , Os días e as noites e a triloxía Os vivos e os mortos, Ninguén nace soldado e O último verán.
A continuación tes un vídeo do seu poema Espérame no que pide que o esperen mentras el vai á guerra, é moi fermoso. Aparece cantado en ruso , subtitulado en español, é unha marabilla: 

1749: Nace Goethe.

Tal día coma hoxe de 1749 nacía en Frankfurt del Main o poeta  e dramaturgo  alemán Johan Wolfnag von Goethe. Foi el quen introuciu o Romanticismo en Alemaña a través do movemento "Sturm und Drang". é un dos nomes con maiúscula da cultura europea, mesmo mundial. A súa obra máis coñecida é As penas do xove Werter que, agárrate, deu pe a un montón de suicidios na época ( Que cousas!!) Outros títulos seus son Elexías romanas, Epigramas venecianos, Torcuato Tasso, Hermann e Dorotea. Ademais de literato exerceu de biólogo  e deixounos Matamorfose das plantas  e outros moitos estudos científicos.
Fíxate neste enlace http://www.proverbia.net/citasautor.asp?autor=426, tes un montón de frases súas.

27/08/2012

1º anuncio cinematográfico da historia: Cointreau.

Aquí tedes o que se considera o primeiro anuncio cinematográfico  da historia, feito polos irmáns Lumière promociona o Licor Cointreau. Data de hacia 1900, non sei o día exacto , pero por unha vez non importa, ou?

1635: Morre Lope de Vega.

Tal día coma hoxe de 1635 morría en Madrid Félix Lope de Vega y Carpio.  Pouco teño que contarche del porque aparece en tódolos libros de texto , pero imos darlle un repasiño para rematar cun vídeo que che vai gustar.
Chamábanlle "el Fénix de los ingenios" e "Monstruo de la naturaleza" porque era capaz de escribir unha obra de teatro nunha noite, a súa biografía non ten desperdicio, mira nunha enciclopedia. Despois de mil correrías erótico-festivas acabou sendo cura, pero aínda tivo tempo para ter dous fillos máis dos  cinco recoñecidos que xa tiña. Pero imos coa súa obra, a ver cantos títulos recordas ter visto nos teus libros. Empezamos pola lírica: La Dragontea, La hermosura de Angélica, Rimas,  Romancero general, La Andrómeda, Circe,, Rimas humanas y divinas del licenciado Tomé de Burguillos.  Na súa prosa podemos salientar: a novela pastoril La Arcadia,  a novela bizantina El peregrino en su patria,  por exemplo. Pero onde triunfou pero de vez foi no teatro, un renovador auténtico, un rompedor, un xenio...Fálase dunhas 1800, repito 1800 comedias  e 400 autos sacramentais, que che parece??? Aí van uns cantos títulos: Fuenteovejuna,  Peribáñez y el Comendador de Ocaña, La dama boba, El perro del hortelano, El caballero de Olmedo, etc.
Agora quédache aquí un vídeo , un fragmento da película sobre a súa vida no que se escoita un dos seus poemas máis fermosos, presta moita atención:


1950: Morre Cesare Pavese.



Tal día coma hoxe de 1950 morría en  Turín o escritor e tradutor italiano Cesare Pavese. Ten feita unha magnífica labor de traducción ao italiano de obras en lingua inglesa. Participou con grupos antifascistas , isto deixou fonda pegada nel.
Autor de versos como  Traballar cansa ou Virá a morte e terá os teus ollos ( esta ,editada postumamente), realmente o que o fixo grande foi a súa produción narrativa, de feito , é considerado o iniciador do neorrealismo italiano, entre os seus numerosos títulos podemos destacar: Da túa terra, Festas de agosto, Entre mulleres solas, Antes de que cante o galo, etc. Postumamente publicáronse o seu diario, O oficio de vivir, unha colección de contos Noite de festa , unha novela, Lume grande e un importante estudo  crítico A literatura americana e outros ensaios.
Aquí che queda un enlace para saber máis e ler os seus poemas: http://amediavoz.com/pavese.htm
Unha canción con letra de Pavese, para que vexas que a poesía non é un rollo

26/08/2012

Anuncio mítico:OKAL

Un clásico dos medicamentos. Pregúntalles a teus avós a ver se se acordan...

1880: Nace Guillaume Apollinaire

Tal día coma hoxe de 1880 nacía en  Roma o escritor francés Wilheim Apollinaris de Kostrowitzki, máis coñecido como  Guillaume Apollinaire.
 Foi, sen dúbida, un dos grandes dos vanguardismos europeos de principios do século XX. Participou  da arte naïf,  dos fauvismos e apoiou aos cubistas e aos futuristas. Foi voluntario na Primeira Guerra Mundial. Entre os seus títulos destacan: dous libros de contos: O encantador en putrefacción, O poeta asasinado; os libros de poemas Bestiario e Poemas a Lou; un drama surrealista: As tetas de Tiresias, varios textos eróticos como A fin de Babilonia, As once mil vergas e Memorias dun xove don Juan. Pero ,sen dúbida, o que máis fama lle deron foron os seus poemas gráficos, debuxos formados con palabras, os Caligramas, 86 poemas sobre o tema da guerra e da paz.
Aquí che deixo un enlace para que mergulles na súa obra: http://www.wiu.edu/Apollinaire/
E aí che vai un vídeo delicioso sobre el e a súa obra, cunhas imaxes antigas de París e unha música marabillosas:
Por que non probas a facer ti algún caligrama? É moi doado. Deixa voar a túa imaxinación...

1979: Morre Mika Waltari



Tal día coma hoxe de 1979 morreu Mika Waltari, un escritor finés que se fixo moi famoso cunha novela histórica: Sinué , o exipcio. Outros títulos seus son: O aventureiro, O sultán renegado, O anxo escuro,, Marco, o romano; etc.
Déixoche dúas frases súas  que tirei dunha páxina web: