+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

21/07/2012

1948: Nace Cat Stevens

Tal día coma hoxe de 1948 nacía Cat Stevens, hoxe chamado Yusuf Islam. Foi moi coñecido como músico entre os anos 60 e 70 nos que acadou un éxito importante. En 1978 converteuse ao Islam e cambiou o seu nome. Ten grandes ingresos polos dereitos de autor dos seus temas, adica boa parte deles a obras benéficas en favor da infancia. Ten o premio Home pola paz. O ano  2011 adicouno a facer concertos para recadar fondos en prol dos máis necesitados.
Algúns dos seus temas forman parte da historia da música, aquí che deixo un exemplo:


1920: Nace Isaac Stern

Tal día coma hoxe de 1920 nacía en Ucrania Isaac Stern. De orixe xudea marchou coa súa familia  a EEUU cando tiña un ano. É considerado un dos mellores vilinistas de tódolos tempos. En algunhas películas aparecía doblando aos actores que interpretaban a violinistas tocando o violín, por exemplo en Un violinista no tellado. No  ano 2000 a Real Academia de Música de Suecia concedeulle o Polar Music Prize , un dos galardóns máis prestixiosos no mundo da música. Morreu en San Francisco no 2001.

1898: Nace Hemingway

Tal día coma hoxe de 1898 nacía en EE.UU Ernest Hemingway , escritor. Durante a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial  foi corresponsal de guerra . Na Primeira Guerra Mundial fora ferido cando colaboraba como voluntario da Cruz Vermella.
O seu estilo é sinxelo , cargado de realismo, a acción é máis importante que o desenrolo psicolóxico dos personaxes. Entre os seus títulos destacan: Tres historias e dez poemas, Festa brava, Homes sen mulleres, Adeus ás armas, As neves do Kilimanjaro, Por quen tocan as campás, etc. Déronlle o premio Pulitzer pola súa novela  O vello e o mar  e no ano 54 concedéronlle o Nobel de Literatura. Suicidouse en 1961 e ten varias obras publicadas postumamente. Era un gran tipo, pero para o meu gusto tiña un defecto gordo: era un gran defensor das corridas de touros...Non podía ser perfecto!!

Anuncio mítico:Primeiro anuncio de Danone

Aquí tedes o primeiro anuncio de Danone, agardo que vos guste.

20/07/2012

Anuncio mítico: Coca-Cola light...

Quero que te fixes ben neste anuncio: O que aparece espido é o home, as que miran mulleres...Fíxate ben, as mulleres que o miran  teñen a mesma actitude que teñen os homes nos anuncios nos que aparecen mulleres a medio vestir? Ou parecen medio lelas? É un anuncio feminista ? Si ou non? Pensa ben a resposta...

1937: Morre Marconi.

Tal día coma hoxe de 1937 morría en Roma  Guglielmo Marconi. Foi un inventor italiano. É considerado o creador da radio. En 1895 construiu  o primeiro transmisor de telegrafía sen fíos, cun alcance de 2'4 Km. por medio dunha antena vertical. En 1896 presentoulle o invento ao goberno británico , en 1897 fundou a Compañía Marconi de Telegrafia sen fíos e en 1899 transmitiu os primeiro sinais a través do Canal da Mancha. En 1909 compartiu o Premio Nobel de  Física co alemán Karl Ferdinand Braun.

1960: Sirimayo Bandaranaike , primeira muller Presidenta dun país.


Sirimayo Bandaranaike foi unha muller de Sri Lanka. Ao morrer o seu home, Solomón Bandaranaike, converteuse en presidenta do Partido da Liberdade de Sri Lanka ( Ceilán). Ocupou o cargo de primeira  ministra nos períodos 1960-65,  1970-77 e desde 1994-2000.
Ademais é a mai de Chandrila Kumaratunga, actual líder do partido que fundaron seus pais e que tamén foi primeira ministra de Sri Lanka.

1933: Concordato do Reich entre a Santa Sede e a Alemania nazi.

Tal día coma hoxe de 1933 tivo lugar a firma do Concordato do Reich entre a Santa Sede e a Alemania nazi de Hitler. Os asinantes foron o secretario de Estado , Eugenio Pacelli, que despois se convertiría no papa Pío XII e o vicecanciller alemán Franz Von Papen. O documento obliga aos curas e ás asociacións relixiosas a non actuar politicamente en Alemania, ademais os bispos deberán xurar por deus fidelidade ao Goberno e rezar pola prosperidade do Reich. (Xuro que non o estou inventando...!)

19/07/2012

1848: 1ª convención polos dereitos das mulleres.

O 19 de xullo de 1848 tivo lugar a Convención de Séneca Falls, a primeira convención sobre os dereitos da muller en EE.UU., considerándose  a base do feminismo estadounidense, case diría mundial. Foi organizado por Lucretia Mott e Elisabeth Cady Stanton. Como resultado de tal reunión publicouse a Declaración de Séneca Falls, a Declaración de Sentimentos. Este documento está basado na Declaración de Independenza dos EE.UU. e nel reclaman para as mulleres o dereito de poder votar, de poder presentarse a eleccións, de poder ocupar cargos públicos, de poder afiliarse a organizacións políticas e asistir a reunións. O normal, non? Ninguén fala disto, pero grazas a esta convención estamos hoxe onde estamos, o problema é que aínda hai moitos países nos que non  se enteraron. Toca seguir  loitando polos dereitos de tod@s, non??

2009: Deixounos Frank Mc Court


Hoxe fai tres anos que nos deixou Frank Mc Cour.Un escritor de ancestros irlandeses pero nado  e morto nos EE.UU. Fíxose moi famoso coa novela As cinzas de Ángela  que foi convertida en película en 1999. Despois escribiu outros tres libros autobiográficos, o máis famoso deles é O profesor. Eu non sei con cal quedarme , pero estou segura de que Las cenizas de Ángela ( non atopei versión en galego), che vai encantar. Estou tan segura de que o vou poñer como libro do día de hoxe. Que che parece?

1374: Morre Petrarca.

Francesco Petrarca foi un escritor italiano que morreu tal día coma hoxe de 1374 en Padua. Desde moi novo estudou dereito, linguas clásicas, gramática e poesía. É o exemplo típico do humanista do século XIV italiano. Como poeta foi o máximo,  tan importante que a súa influenza foi enorme en todo o Renacemento europeo  e podemos decir que chega ata os nosos días. En Aviñón (Francia) ,onde viveu unha tempada, coñeceu á que sería o obxecto dos seus mellores versos: Laura de Noves, casada con Hugo de Sade. ( Cachis, mal asunto, estaba casada...) Petrarca era cura, ela casada, así que este foi un amor platónico. O mellor da súa obra son os  sonetos e  as cancións que xunto con outro tipo de poemas aparecen recollidos nun Cancioneiro, titulado realmente Rerum vulgarium fragmenta. Pódese dividir en dúas partes: A primeira, anterior á morte de Laura e unha segunda , posterior a o seu pasamento.
Neste enlace atoparás moitos dos seus poemas traducidos ao español, pódenche ser útiles: http://amediavoz.com/petrarca.htm .

18/07/2012

Anuncio mítico: Busco a Jac's...




Añadir leyenda

Houbo unha época en que tódolos homes querían ser Jack...



Xa me diredes que se anuncia...Porque se ve un frasco de colonia ...Este anuncio marcou unha época, como vedes a muller é un obxecto total, o que se vende non ten nada que ver con ela, sen embargo, é o único que aparece fóra da colonia !!

2000: Morre José Ángel Valente

Tal día coma hoxe do ano 2000 morría José Ángel Valente, un poeta nado en Ourense. Cando empezou a escribir facía poesía social pero co tempo foi derivando hacia unha poesía  dun profundo lirismo intelectual.
Ao longo da súa vida gañou moitos premios, o Nacional de Poesía en 1993 e o Príncipe de Asturias das Letras en 1988. Entre os seus títulos destacan Poemas a Lázaro,Interior con figuras, No amanece el cantor  ou Notas de un simulador entre outras.
Tamén  escribe en galego  Sete cántigas de alén (1981)  e posteriormente  Cántigas de alén (1989) son antoloxías da súa obra na nosa lingua.
Neste enlace podes atopar os seus poemas, bótalle un ollo , pode que che guste ou que atopes algún poema para agasallar a alguén: http://amediavoz.com/valente.htm

1817: Morre Jane Austen


O 18 de xullo de 1817 morría en Winchester a escritora inglesa Jane Austen. A súa obra literaria fíxose merecedora de fama pola profundidade psicolóxica dos seus personaxes e pola ironía presente nos seus textos.  É autora de moitos títulos, a ti seguro que che soa Sentido e sensibilidade ou Orgullo e prexuizo porque foron levados ao cine. Tamén son seus O parque de Mansfield, Emma, A abadía de Northanger ou Persuasión. En 1932 , unha editorial publicou a súa correspondencia privada baixo o título de Cartas

18 de xullo de 1936: Golpe de Estado en España.

O 17 de xullo de 1936 prodúcese o que os libros de texto chaman un golpe de estado fracasado contra o goberno da II República Española, o caso é que o 18 de xullo é a data que se dá para o comezo da Guerra Civil española, na que irmáns loitaron contra irmáns, e na que a sociedade civil foi vítima da represión e da inxustiza dunha guerra. Foron moitos os mortos nos dous bandos, moitos os fusilados e os "paseados"; as nosas cunetas están cheas de corpos sen identificar, sen dereito a ser enterrados como deus manda ou como as súas familias queren . Agora , despois de tantos anos, a loita continúa porque uns querer rescatar a memoria e outros non...Cousas da vida, ou da morte, ou da guerra...

17/07/2012

1959: Morre Billie Holiday

Tal día  coma hoxe de 1959 morría a gran Billie Holiday, cantante de jazz dos Estados Unidos. A súa voz era única, desgarrada, profunda...Os entendidos din que é a mellor cantante de jazz de tódolos tempos.  Cantou tantos temas que eu non son quen de escoller un só. Déixoche un vídeo dun dos seus temas:Summertime.

1959: Descúbrese un cráneo de 118 millóns de anos.

Mary Leakey foi unha paleoantropóloga ( paleo= antiguo, antropo= home, ser humano, logo= especialista) que conseguiu que o mundo centrase a súa atención en  África oriental como berce da humanidade. Os seus achádegos confirmaron a teoría de Darwin de que o ser humano tiña a súa orixe en África e non en Asia. Esta muller estivo activa  en excavacións ata 1983, logo en 1984 escribiu a súa biografía que  foi un gran éxito. Morreu en 1996 en Nairobi.
O que recordamos hoxe é que tal día coma hoxe de 1959, Mary Leakey atopou na Garganta de Olduvai un fragmento dun cráneo, seguiu limpando e 19 días despois atopou o resto esnaquizado en 400 cachiños que ela se encargou de "pegar" para reconstruilo. Según as conclusións tiradas das diferentes investigacións correspondía a un homínido de 18 anos e tiña uns 118 millóns de anos de antigüidade.

1566: Morre Frei Bartolomé de las Casas

Frei Bartolomé naceu en Sevilla en 1474 e morreu en Madrid en 1566. Foi  un dominico español que dedicou a súa vida a defender os dereitos dos indios. Grazas a el  promulgáronse as Nuevas Leyes de las Inidias (1542) que pedían un trato máis xusto para os indíxenas e a abolición das "encomiendas". En 1546 marchou a México e foi nombrado obispo de Chiapas onde deu a coñecer o libro Avisos y reglas para los confesores, no que defendía os dereitos dos indios , o que lle trouxo a enemistade cos colonos  e provocou a súa  volta a España (1547). Ademais de destacar pola súa defensa dos indíxenas tamén o fixo polos seus escritos: Historia general de las Indias, Brevísima relación de la destrucción de las Indias , esta última foi a primeira pedra para a construcción da verdadeira historia do que os españois fixeron cando chegaron a América. De las Casas foi o primeiro en denunciar os abusos e a crueldade dos descubridores.
Aproveitando que estamos co tema imos aclarar que eran as "encomiendas" para que entendas mellor o labor de Frei Bartolomé. As encomiendas eran unha especie de institución que otorgaba a un español un grupo de indios para que estes traballaran para el ou lle pagasen cunha parte das súas ganancias a cambio de que o colonizador-descubridor-explotador-civilizador lles ofertase "protección" e instrución cristiana, é dicir, que lles impuxese unha relixión diferente da que tiñan e os obligase a abandoar os seus costumes e a súa cultura. Ao final, as encomiendas acabaron converténdose nun auténtico sistema de esclavitude
Esta é a primeira parte dun documental , podes ver as seguintes en youtube. Non lles teñas en conta o de "gallego", para eles os españois son "gallegos", que ironía , non??

1888: Nace Samuel Josef Agnon


Tal dia coma hoxe de 1888 nacía o escritor israelí en lingua hebrea Samuel Josef Agnon  ( Shmuel  Yosef Czaczkes ). Foi Premio Nobel de Literatura de 1966 compartido con  Nelly Sachs. As súas obras  tratan sobre a diáspora xudea na Europa oriental e sobre os comezos da colonización de Palestina  polos xudeos. Entre os seus títulos máis destacados están: O enxoval da noiva ou Contos de Xerusalén.

16/07/2012

Anuncio mítico: "Bimbo: Los frescos del barrio"


Do ano 1979...Xa choveu!!

1969: Despega o Apolo XI

O Programa Apolo era o programa espacial dos EE.UU. que pretendía levar o home á lúa. Kennedy aceptou o proxecto en 1961 e en 1966 comezaron as primeiras probas.  En 1968 tivo lugar o primeiro voo tripulado ao que chamaron Apolo VII, nese mesmo anos deuse a primeira volta á lúa. Por último, o Apolo XI, tripulado por Neil Amstrong e Edwin Aldrin, despegou o 16 de xullo e  alunizou o 20 do mesmo mes de 1969.

800 anos da batalla de Navas de Tolosa

Hoxe fai 800 anos que tivo lugar a batalla de Navas de Tolosa. É unha das  máis famosas da Reconquista española. Alfonso VIII acadou a paz entre tódolos soberanos critiáns da Península e conseguiu que o Papa Inocencio VIII lle dese o título de Cruzada, que daquela era moi importante. Para gañala uníronse  en Toledo Alfonso VIII de Castela, Sancho VII de Navarra, Pedro II de Aragón e  algunhas tropas chegadas do outro lado dos Pirineos. A batalla tivo lugar nun  pobo de Sierra Morena (Jaén) , chamado Navas de Tolosa. Nela resultou ferido o rei de Aragón e logrouse a victoria sobre  o sultán Allah Muhammad en Nasir. Din os historiadores que esta batalla foi peza chave na Reconquista española.

1985: Morre Heinrich Böll

Tal día coma hoxe de 1985 morría Heinrich Böll.Que quen era este? Foi un escritor alemán, un novelista, que naceu na cidade de Colonia en 1917. Pasou á historia da literatura porque nas súas obras reflexaba con bastante crudeza a sociedade da posguerra en Alemaña. Ten moitos títulos, a min "encantoume"( é un pouco dura , por iso poño comiñas) Opinións dun paiaso. Outros títulos seus son: O tren chegou puntual, Billar ás nove e media, Asedio preventivo, A honra perdida de Katharina Blum, etc.  Tratando o tema das consecuencias da guerra comprenderás que non son obras para levar á praia, pero é bon que te quedes co nome do autor: Foi Premio Nobel de Literatura en 1972!!! Por algo será, non?
No seguinte enlace podes ler algunhas das súas frases máis célebres, seguro que che gustan. Busca en Google, hai máis.

15/07/2012

Anuncio mítico: Tabaco Marlboro


Aí tedes aos duros máis duros do oeste fumando Marlboro...

1834: Fin de la Santa Inquisición.

O 15 de xullo de 1834 queda abolido definitivamente o Tribunal da Santa Inquisición por un Real Decreto da raíña rexente María Cristina de Borbón. Sabes o que era a Santa Inquisición? Era un tribunal eclesiástico que tiña como finalidade  perseguir a herexía e calquer outro delito contra a fe católica. O seu poder viña directamente do Papa. Dentro dos seus métodos, a tortura foi admitida por Inocencio IV para conseguir as confesións dos reos. En España entrou con Jaime I de Aragón e foi  establecida nos distintos reinos hispánicos polos Reis Católicos, con eles recibe o nome de Santo Oficio e independízase do poder da Santa Sede.
O seu maior traballo levárono a cabo perseguindo xudeos, falsos conversos, bígamos, blasfemos , libros prohibidos e bruxas. As sentencias facíanse públicas non chamados "Autos de fe" e as condenas a morte executadas pola xustiza secular.
Aquí che deixo un documento gráfico das máquinas que empregaban para a tortura:

1904: Morre Chejov

Tal día coma hoxe de 1904 morría en Badenvweiler o escritor ruso Anton Pavlovich Chéjov.
As súas obras caracterízanse pola súa forte intuición psicolóxica e porque mezclan a un tempo pesimismo e humor, son un retrato da decadencia na que caera a aristocracia do rural da súa época. Pasou á historia por escribir teatro, contos e novelas. Entre os seus títulos teatrais destacan: A gaivota, O tío Vania, O xardín das cerdeiras e As tres irmáns. En narrativa destacan: A señora do canciño, Historia da miña vida, A estepa ou A illa de Sajalín.  Ademais foi un gran articulista da prensa do seu tempo.
Aquí che deixo un relato breve de Chejov nunha versión moderna:

1885: Morre Rosalía de Castro

Tal día coma hoxe de 1885 morría en Padrón a gran Rosalía de Castro. Nas enciclopedias aparece como "escritora española en lengua gallega y castellana", mais para nós sempre será a poeta galega , símbolo das letras galegas, galega insigne, compatriota ilustre.
Que podemos decir de Rosalía de Castro? Que foi unha gran  muller e unha grandísima escritora que puxo á lingua galega no lugar que lle corresponde. A súa obra pode incluirse dentro do Romanticismo, é de exprésión sinxela, moi simbólica, de temática intimista ás veces e social e reivindicativa , outras. Nos seus poemas de denuncia inclúe temas como a nostalxia pola terra, o descontento vital, a inxustiza na terra galega, o abuso do poder central de Madrid...
Títulos? Cantares Gallegos, Follas Novas, En las orillas del Sar, La flor, La hija del mar, Flavio.