+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

03/11/2012

1901 : Nace André Malraux.

Tal día coma hoxe o 3 de novembro de 1901 nacía en París o escritor e político francés André Malraux. Foi un fervente defensor das ideas comunistas, de feito participou na Revolución China e apoiou aos republicanos na Guerra Civil española. Durante a Segunda Guerra Mundial foi xefe da Resistencia en Francia e trala guerra participou no goberno de De Gaulle. Entre as súas novelas destacan : A esperanza (na que lembra a súa experiencia na guerra de España), A condición humana, As voces do silencio, Antimemorias, etc.

1954: Morre o pintor Henri Matisse.

A danza de Henri Matisse.
O 3 de novembro de 1954 morría en Francia o pintor e escultor Henri Matisse. Empezou  como impresionista, pero pouco a pouco foise encamiñando hacia o fauvismo. Entre as súas obras máis coñecidas están O mariñeiro da gorra, Odalisca con panatalóns vermellos, A danza,etc.
Bótalle un ollo a este vídeo:

02/11/2012

La Dama y la Muerte. Curta de animación.

Para non se tomar as cousas moi en serio:

O cemiterio de Sapanta (Rumanía)

Unha imaxe do cemiterio de Sapanta
Na localidade rumana de Sapanta  hau un cemiterio moi "particular". En 1935 un artesán da madeira, Stan Ioan Patras, tallou a primeira lápida policromada e desde entón foron aumentando ata formar o que algúns chaman o "cemiterio da alegría" de Sapanta. Tódolos sepulcros levan unha cruz grega pintada de cores vistosas, logo aparece un debuxo  que representa ao difunto traballando no seu oficio ou divertíndose co seu pasatempo favorito e xusto debaixo un epitafio moi "especial". A maioría son bromas ou chistes ,pero tamén hai algún con certa carga moral. A continuación tes algún destes epitafios adicados a maridos , mulleres e sogras:
*"Aquí descansa miña sogra, se vivira un ano máis, eu ocuparía o seu lugar."
*"Señor, recíbea coa misma alegría que eu cha mando".
*Xa estás no paraíso, eu , tamén".
*Tanta paz atopes , como tranquilidade me deixas".
"Aquí xace o meu marido, por fin ríxido".
"Aquí te espero".
No seguinte vídeo poderás ver algunhas imaxes deste lugar tan particular. Agardo que che guste.


1906: Nace Luchino Visconti.

O 2 de novembro de 1906 nacía en Milán Luchino Visconti di Modrona,  conde de Lonate  Pozzolo. Foi un director de cine italiano. Empezou como axudante doutro grande da historia do cine, Jean Renoir.  Os estudosos califícano de neorrealista, nas súas  obras xúntanse un forte realismo cun importante sentido estético e unha alta dose de pensamento marxista. Entre os seus títulos máis importantes destacan: Obsesión, Bellissima, Il Gatopardo, Morte en Venecia, A caída dos deuses...

01/11/2012

1895: Os irmáns Skladonovsky presentan o Bioscop, antecesor do cinematógrafo.

Bioskop
O 1 de novembro de 1895 os irmáns Emil e Max Skladonovsky, alemáns de orixe polaca, presentaron nun teatro de Berlín un invento chamado Bioskop. Trátase dun proxector de cine e saiu á luz meses antes de que os irmáns Lumière fixeran a súa primeira exhibición comercial do cinematógrafo no Salón Indiano do Café de París o 28 de decembro de 1895. Aquí tedes as que son consideradas como primeiras imaxes filmadas:

31/10/2012

1945: Morre o pintor Zuloaga.

Autorretrato de Zuloaga.
O 31 de outubro de 1945 morría en Madrid o pintor vasco Ignacio Zuloaga. Nos seus cadros déixanse notar as influenzas do Greco, Goya e Velázquez. Era un gran debuxante ao que lle gustaban os temas españois, cheos de dramatismo e de emoción. Algúns libros falan del como do  pintor do 98.  Entre os seus cadros destacan títulos como Toreros de pueblo, ídolos futuros, La familia de mi tío Daniel ou La condesa Mathieu de Noailles.
No seguinte vídeo faise un repaso pola súa obra:

1806 : Morre o pintor xaponés Utamaro.

O 31 de outubro de 1806 morría Kitagawa Utamaro, un pintor xaponés especialista en grabados . Era tan bo que a súa obra chegou a Europa e influiu nos pintores impresionistas.  Na súa produción destacan as composicións de mulleres, pero tamén pintou a natureza, especialmente, os insectos.
No seguinte enlace aparece unha galeria on-line na que podes ver moitos dos seus cadros: http://eu.art.com/gallery/id--a52066/utamaro-kitagawa-prints_p3.htm?ui=044E3DB7D6CE4CE48B0D1F7E3057E217

30/10/2012

1821: Nace Dostoievski

O 30 de outubro de 1821 nacía en Moscú Fiodor Mijailovich Dostoievski. Tivo unha vida difícil marcada pola epilepsia e por  unha condena a morte. Era enxeñeiro militar de formación e en 1849 foi acusado de conspiración e condeado a morte, xusto no momento da ser executado conmutáronlle a pena pola de traballos forzados en Siberia. Nas súas novelas ,os protagonistas viven ao límite, todos eles descritos con moita profundidade psicolóxica. As súas obras máis coñecidas son Crime e castigo,  O idiota, Humillados e ofendidos, O xogador, ou Os irmáns Karamazov, entre outras.
Aquí deixo un vídeo sobre a súa vida e a súa obra, son 45 minutos pero merece a pena.


1910: Nace Miguel Hernández.

 O 30 de outubro de 1910 nacía en Orihuela (Alicante) o poeta Miguel Hernández. Durante a República participou nas misións pedagócias e na Guerra Civil militou no bando republicano. Ao final da guerra foi detido e morreu no cárcere. Os seus poemas están cargados de amor pola súa terra e os labregos que a traballaban , pero tamén se deixan notar as pegadas de  Garcilaso e de Góngora. Entre os títulos da súa obra destacan Perito en lunas, El rayo que no cesa,Viento del pueblo, Teatro en la guerra. Trala súa morte foron publicados o Cancionero y romancero de ausencias e o drama Los hijos de la piedra.
A súa obra non marcou as décadas posteriores. Hoxe en día podemos atopar moitísimas versións dos seus poemas na voz de cantantes de prestixio. Aquí che queda un exemplo. Bota unha ollada en Youtube atoparás unha morea de vídeos coa súa obra.


29/10/2012

Primeiro anuncio de Coca-Cola en España. 1959

Fíxate na coreografía...Está feito nunha obra, ía destinado, logo, aos traballadores como bebida para acompañar a comida.

1911: Morre Joseph Pulitzer.

O 29 de outubro de 1911 morría en Charleston o editor estadounidense de orixe xudea Joseph Pulitzer. En 1903 creou a Escola de Periodismo da Universidade de Columbia e antes de morrer mandou instituir os Premios Pulitzer que desde  1918 concede  esa Universidade. Ditos premios son 21 distincións que inclúen periodismo, música, literatura...Son considerados o máis prestixiosos dos EE.UU. e levan consigo 10.000 $ . Na súa longa lista de premiados destacan  nomes como Ernest Hemingway, William Faulkner, Richar Ford ou o cómic Spiegelman (Maus). 

28/10/2012

1866: Nace Valle-Inclán.

O 28 de outubro de 1866 nacía en Vilanova de Arousa o escritor Ramón María del Valle-Inclán. Destacou entre os bohemios e modernistas da súa época. En 1902 publicou a súa primeira Sonata, Sonata de otoño e despois iría publicando Sonata de estío, Sonata de primavera e Sonata de invierno. Despois viría a triloxía das Comedias Bárbaras formada por Águila de Blasón, Romance de lobos e Cara de Plata., e o ciclo novelístico Las Guerras Carlistas,que inclúe  Los cruzados de la causa, El resplandor de la hoguera e Gerifaltes de antaño.  A partir de 1924 comenza a súa época do esperpento con Luces de Bohemia, dentro desta estética está tamén  Martes de Carnaval ( formado por pezas cortas). En El ruedo ibérico (triloxía) recrea os últimos anos do reinado de Isabel II. Ademais escribiu unha novela de dictador , Tirano Banderas, outras obras teatrais como Luces de Bohemia , a obra poética Claves líricas e a colección de contos Jardín Umbrío.
Aquí che deixo un documental novelado sobre a vida e a obra de Valle-Inclán.

1892 Reynaud proxecta as "Pantomimas luminosas"

Proxección de Pauvre Pierrot
O 28 de outubro de 1892 Émile Reynaud comezaba a proxectar no Museo Grévin de París as súas "Pantomimas luminosas", eran tres películas: Pauvre Pierrot, Clown et ses chiens e Un bon bock. Con este acontecemento convertíase, para moitos, no primeiro creador de debuxos animados.
En 1877 inventara o praxinoscopio que era un trebello cun tambor poligonal de espellos pintados con imaxes que daba voltas mentras era iluminado cun foco de luz , as imaxes eran vistas a través dun ventaniño. En 1892 mellorou o invento  e creou o Teatro Óptico. Aquí che queda un vídeo para que vexas como funcionaba:
E aquí outro para que vexas Pauvre Pierrot: