+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

15/06/2013

1983: Lei de Normalización Lingüística de Galicia.

A Lei de Normalización Lingüística  do 15 de xuño de 1983 tiña como finalidade normalizar o uso da lingua galega e garantir os seus dereitos legais.
Pasaron 30 anos e as cousas están como están: os nosos dereitos mermados, a presenza da nosa lingua cada vez menor nos medios de comunicación e na vida cotiá, a lingua ninguneada polos poderes públicos...
Toca loitar para non seguir recuando, toca loitar por manter os dereitos adquiridos ao longo de tres décadas,  toca loitar por acadar maior presenza da nosa lingua en tódolos eidos da vida, toca loitar para que os nosos fillos e  fillas disfruten de mil primaveras máis en lingua galega sen complexos, sen porcentaxes, sen imposicións centrais...
No seguinte enlace podemos revisar o seu texto: http://www.boe.es/ccaa/dog/1983/084/g01893-01899.pdf



13/06/2013

1888: Nace Pessoa.

O 13 de xuño de 1888 nacía en Lisboa o poeta portugués Fernando Pessoa, tamén coñecido polos heterónimos de Alberto Caeiro, Álvaro de Campos ou Ricardo Reis.  Os seus biógrafos din del que levou unha vida solitaria no eido sentimental a pesar de ter gran capacidade para a oratoria nas tertulias literarias . . Despois da súa morte , a súa obra foi  recollida en varias antoloxías  : Poesía de Fernando Pessoa, Poesías de Álvaro de Campos, Poemas de Alberto Caeiro, Odas de Ricardo Reis, Textos filosóficos, Páxinas de estética e de teoría e de crítica literaria, etc.
Podemos disfrutar da súa obra no seguinte enlace: http://www.fpessoa.com.ar/

Este é un dos poemas que a min me engaiolan:

Às vezes, em dias de luz perfeita e exacta, 
Em que as cousas têm toda a realidade que podem ter, 
Pergunto a mim próprio devagar 
Por que sequer atribuo eu 
Beleza às cousas. 

Uma flor acaso tem beleza? 
Tem beleza acaso um fruto? 
Não: têm cor e forma 
E existência apenas. 
A beleza é o nome de qualquer cousa que não existe 
Que eu dou às cousas em troca do agrado que me dão. 
Não significa nada. 
Então por que digo eu das cousas: são belas? 

Sim, mesmo a mim, que vivo só de viver 
Invisíveis, vêm ter comigo as mentiras dos homens 
Perante as cousas, 
Perante as cousas que simplesmente existem. 

Que difícil ser próprio e não ver senão o visível!

12/06/2013

1791: Etta Palm d'Alders pronuncia o seu discurso.

O 12 de xuño de 1791 , en plena Revolución Francesa, a holandesa Etta Palm d'Alders pronunciou o famoso Discurso sobre a inxustiza das leis en favor dos homes a expensas das mulleres  diante da Asemblea Federativa da Sociedade Patriótica de Amigas da Verdade que ela mesma creara  para promover a educación das nenas sen recursos e defender os dereitos políticos e sociais das mulleres.
Etta nacera en Holanda en 1743, pero vivira en París desde os 19 anos en que casara cun francés que logo a había abandonar. Participou activamente nos movementos sociais e políticos da Revolución Francesa loitando en prol da presenza da muller no goberno revolucionario. Desempeñou tarefas diplomáticas.  Pérdeselle a pista a partir de 1795.

11/06/2013

1973: Morre Fermín Bouza-Brey

O 11 de xuño de 1973 morría en Santiago de Compostela o escritor galego Fermín Bouza-Brey. 
Nado en Ponteareas (Pontevedra) , estudou Filosofía e Letras e Dereito. Exerceu como xuíz en varios lugares ao longo da súa vida.
A súa obra é amplísima, considérase o fundador do Neotrobadorismo, movemento vangardista galego nesta liña publica Nao senlleira e Seitura; tamén é autor da novela Cabalgadas en Salnés.  Mais onde destaca Bouza-Brey é no eido da investigación onde se ocupa de diversos campos: a historia e a crítica literaria, na que destacou cos seus escritos sobre Rosalía; o folclore e a etnografía, a arqueoloxía ( impulsou vaias escavacións arqueolóxicas), a arte, a historia e a cultura galega en xeral.
Velaí un dos seus poemas:

Nao senlleira 

¡Quén dera ser nao senlleira 

n-aquel mar non presentido 
das ja mergulladas terras! 


Sen ceo, sen astros, sen vento, 

sempre â toa pol-as ondas 
deitado no esquecimento, 


nin andar nin desandar, 

nin ter outro coido acedo 
que leijarse ir pol-o mar… 


¡Quén dera ser nao senlleira! 

Sen fito –estrela nin porto– 
¡ser eu a propia ribeira!

E aquí un vídeo cunha adaptación do seu poema  "Feitizo":


10/06/2013

1958: Morre o pintor Maside.

Autorretrato.
O 10 de xuño de 1958 morría en Santiago de Compostela o gran pintor galego Carlos Maside García.
Desde moi novo colaborou con medios escritos como o Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego. En 1926 trasládase a París cunha beca. A partir de 1931 afincouse en Santiago e tomou parte na vida cultural da cidade durante a República.
Despois da Guerra Civil, Maside reclúese nunha especie de exilio interior ata o ano 1945. No ano 1950 é nomeado director artístico da recén creada editorial Galaxia.
Ao longo da súa vida mantivo contacto con intelectuais e artistas tanto do estado español, como de fóra; moitos deles nomes moi importantes como García Lorca.
Na súa obra podemos atopar debuxos, grabados e pinturas. Son seus títulos como  Mercado, Porto de pescadores, Lavandeiras, Tenda, Autorretrato, etc.
No seguinte enlace pódese admirar a súa obra: http://carlosmaside.galeon.com/obra.html    

09/06/2013

1843: Nace Bertha Von Suttner.

Billete para lembrar a figura de Bertha von Suttner.
O 9 de xuño de 1843 nacía en Praga Bertha Felicitas Sophie, baronesa von Suttner, símbolo da loita pola paz e os dereitos civís e importante escritora austriaca.
Durante anos foi amiga de Alfred Nobel. Con 46 anos  , despois de ter publicado xa moito sobre o pacifismo e de ter participado en moitos foros sobre o tema, publicou Die Waffen Nieder! (Abaixo as armas!) (1889) que se converteu nun libro de referencia para tódolos grupos pacifistas. Na obra, Suttner ofrece a ollada dunha muller sobre a guerra e as súas consecuencias. A partir de entón, continúa a súa loita en favor da paz aproveitando o éxito da súa publicación. En 1905 concedéronlle o Nobel da Paz. En 1910 publicou Memorias. Morreu no 1914.