+Blog editado en Foz (Lugo) por Mar Corbelle Valiño

Este blog quere ser educativo e , polo tanto, formar aos usuarios no respecto pola propiedade intelectual e os dereitos de autor. Tódolos vídeos, textos e imaxes que aparecen teñen como único fin educar aos nosos alumnos no respecto polo traballo alleo. Se en algún momento alguén considera que se vulneran os seus dereitos ,pode poñerse en contacto con nós e procederemos a eliminar inmediatamente o texto ou imaxen con dereitos de autor.

20/07/2013

1944: Operación Valquiria.

O 20 de xullo de 1944 o exército alemán intentou un golpe de estado para botar  do poder a Adolf Hitler e facerse co goberno. O atentado foi levado a cabo por un grupo de  oficiais da Wehrmacht ás ordes  de Claus von Stauffenberg, un coronel do exército membro da nobreza alemá, na chamada Operación Valquiria.
 Un maletín-bomba estoupou na Wolfsschanze ( "A guarida do lobo"), o cuartel xeral de Hitler, pero o Führer sufreu só feridas leves.
Que tería pasado se a operación non fracasase? Cal tería sido o rumbo da historia mundial? Nunca o saberemos. 

19/07/2013

1848: 1ª convención polos dereitos das mulleres.


O 19 de xullo de 1848 tivo lugar a Convención de Séneca Falls, a primeira convención sobre os dereitos da muller en EE.UU., considerada a base do feminismo estadounidense, mesmo mundial.  Foi organizado por Lucretia Mott e Elisabeth Cady Stanton. Como resultado de tal reunión publicouse a Declaración de Séneca Falls, a Declaración de Sentimentos. Este documento está basado na Declaración de Independenza dos EE.UU. e nel reclaman para as mulleres o dereito de poder votar, de poder presentarse a eleccións, de poder ocupar cargos públicos, de poder afiliarse a organizacións políticas e asistir a reunións. O normal, non? Ninguén fala disto, pero grazas a esta convención estamos hoxe onde estamos, o problema é que aínda hai moitos países nos que non  se enteraron. Toca seguir  loitando polos dereitos de tod@s, non??

17/07/2013

1793: Guillotinan a Charlotte Corday.

A morte de Marat de Jacques-Louis David.

O 17 de xullo de 1793 morría na guillotina Marie Anne Charlotte Corday d'Armont, máis coñecida como  Charlotte Corday.
Madame Corday pasou á historia polo seu protagonismo na Revolución Francesa no bando dos xirondínos e por ter asasinado a Jean Paul Marat, líder do bando xacobino.
O asasinato de Marat converteuse axiña en tema para obras literarias ( Histoire des girondins de Alphonse de Lamartine ou Marat/Sade de Peter Weiss, por exemplo) e pictóricas (Paul-Jacques-Aimé Baudry, Jacques Louis David ou Santiago Rebull, entre outros, pintaron a escea).
O seu crime valeulle a Charlotte o sobrenome de "o anxo asasino"...

16/07/2013

1967: Quiroga Palacios consagra a igrexa de Aguiño.

O 16 de xullo de 1967 foi consagrado o templo parroquial de Aguiño, no concello coruñés de Ribeira. O dato non tería maior interés de non ser porque é o primeiro templo da era moderna con inscripcións en galego. A súa consagración correu a cargo do cardeal Quiroga Palacios que deu nesa ocasión a súa primeira misa en galego,converténdose así no primeiro cardeal en empregar a nosa lingua no culto relixioso católico.
Aquel foi un pasiño importante no camiño da normalización da nosa lingua, mágoa que agora queiran que andemos ao revés.