Autorretrato. Goya. |
O 16 de abril de 1828 morría en Burdeos o pintor español Francisco de Goya y Lucientes. Formouse como pintor con José Luzán, Francisco Bayeu e varios mestres en Italia. Despois de diversos traballos , ingresou en 1775 na Real Fábrica de Tapices onde pintou numerosos cartóns de temas costumbrista e popular. Logo foi pintor de cámara dos reis Carlos IV e Fernando VII. A partir de 1792 o seu carácter sufreu unha profunda transformación por mor da xordeira que padecía que o volveu acedo e taciturno, ademais a guerra deixou nel unha profunda pegada que marcaría a súa obra . Todo isto levouno a un illamento cada vez máis grande e a un desenrolo dun estilo persoal moi diferente do que se facía na época. Para moitos, o seu estilo é un antecedente da pintura contemporánea. É moi difícil facer unha escolma da obra de Goya, pero eu quédome coas súas series de grabados Los disparates, Caprichos, Los desastres de la guerra; cos cartóns que fixo para a Real Fábrica de Tapices cheos de colorido e de vida; os frescos de San Antonio de la Florida e , por suposto, as súas obras mestras, El 2 de mayo, Los fusilamientos del 3 de mayo, La maja desnuda e as pinturas negras da Quinta del Sordo.
Vendo todo o que está pasando hoxe en día, cabe preguntarse como retrataría Goya a sociedade que nos tocou vivir.
Neste vídeo podemos disfrutar da súa obra:
Sem comentários:
Enviar um comentário